Monday 13 de May de 2024

Rematan na Pobra os talleres contra o bullying dirixidos aos centros da Primaria


Alumnado dos CEP Pilar Maestú Sierra e Salustiano Rey Eiras recibiu nestes días as últimas sesións formativas contra o acoso escolar impartidas por unha educadora social de Exeria.

A concelleira da Educación da Pobra do Caramiñal, Genoveva Hermo (Nós Pobra), incide na importancia destes talleres postos en marcha co inicio do curso escolar para aborda-la detección, prevención e resolución de conflitos.

Para acadar tal fin, realizáronse distintas actividades a través das cales se busca, mediante unha metodoloxía participativa, afondar no concepto do acoso escolar, as súas características, os métodos preventivos ou de actuación, ademais de termos como a empatía ou a autoestima.